PREMIOS DO PLAN DE EMPREGO LOCAL

16 Abr 2026 | Campañas

PREMIOS DO PLAN DE EMPREGO LOCAL

Desde o ano 2016 os Premios PEL distinguen, dan visibilidade e poñen en valor aquelas iniciativas empresariais que impulsen cambios reais no ámbito socioeconómico e deixen a súa pegada no territorio.

Considerado como un dos premios de maior dotación económica, recoñecen ás mellores iniciativas empresariais da provincia, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sostibilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural.

Pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas con domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña poden presentarse a algunha das categorías establecidas ou ser nominadas polo Xurado de persoas expertas.

Máis de 570 entidades teñen presentado a súa candidatura ao longo das súas sete primeiras edicións, entre as que se repartiron un total de 497.000 euros en premios.

En definitiva, a VIII edición dos Premios PEL pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, polo fortalecemento do tecido empresarial, pola innovación no emprego e pola dinamización do rural, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia e motor da nosa economía.

A OITAVA EDICIÓN

Nesta nova edición os Premios PEL repartirán un total de 80.000 euros. A contía do premio de cada un dos primeiros clasificados de cada categoría será de 20.000 euros coa excepción de que os membros do xurado decidan conceder accésits aos segundos clasificados dalgunha categoría cando entre a primeira e segunda candidatura medie unha diferencia inferior ou igual a 5 puntos. Neste suposto os primeiros clasificados recibirán un premio de 15.000 euros e os segundos clasificados un accésit de 5.000 euros. As categorías son:

1ª CATEGORÍA: Iniciativa emprendedora
Destinada a recoñecer a labor das persoas autónomas, microempresas, pequenas e medianas empresas que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2024, 2025 ou 2026.
Esta categoría busca premiar unha iniciativa empresarial de recente creación, en calquera ámbito.

2ª CATEGORÍA: Traxectoria empresarial
Destinada a recoñecer a traxectoria das persoas autónomas, microempresas, pequenas e medianas empresas que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2023 ou con anterioridade.
Esta categoría busca premiar unha iniciativa empresarial xa consolidada, en calquera ámbito.

3ª CATEGORÍA: Iniciativa territorio sostible
Destinada a persoas autónomas, microempresas, pequenas e medianas empresas que conten con proxectos que contribúan á transición ecolóxica e enerxética, á loita contra o cambio climático, que baseen a súa actividade na agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular, o uso eficiente dos recursos, o valor da terra ou do mar e os seus produtos, etc.
Esta categoría busca premiar unha iniciativa que aliñe as súas actuacións cos obxectivos medioambientais propostos na Axenda 2030 e no Pacto Verde Europeo, dándolle valor ao campo e ao mar galegos.

4ª CATEGORÍA: Iniciativa empresarial singular
Destinada a recoñecer a persoas autónomas, microempresas, pequenas e medianas empresas con iniciativas empresariais de autoría creativa, orixinais e con carácter singular, xa sexa polo uso de materias primas locais, pola reutilización de materiais ou produtos autóctonos, a revitalización da tradición galega, entre outros.
Esta categoría busca premiar unha iniciativa empresarial que se caracterice pola súa peculiaridade e creatividade singular.

CATEGORÍA HONORÍFICA: iniciativa transformadora do rural
O xurado outorgará unha mención honorífica á mellor iniciativa transformadora do rural como recoñecemento ás persoas autónomas, microempresas, pequenas e medianas empresas que desenvolvan iniciativas que impulsen cambios reais no ámbito socioeconómico da provincia, que conten con proxectos orientados ao desenvolvemento sostible e integrador de zonas rurais, favorezan á loita contra o despoboamento e contribúan a facer fronte ao reto demográfico e demais retos específicos en materia de desenvolvemento do territorio.

 

Ver preguntas frecuentes

Enlace á convocatoria: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/04/16/2026_0000002345.html