Elaboras alimentos artesanais?
- Poderías formar parte da Artesanía Alimentaria de Galicia
Se respondes SI a varias destas preguntas, probablemente o teu produto poida formar parte da Artesanía Alimentaria de Galicia:
✔ Elaboras os teus produtos nun obradoiro propio ou pequena empresa.
✔ Utilizas materias primas de calidade e procesos tradicionais.
✔ Controlas directamente a elaboración e coidas cada fase do proceso.
✔ O teu produto ten identidade propia e vínculo co territorio.
Se é así, pode que cumpras os requisitos para formar parte deste selo oficial.
Que é a Artesanía Alimentaria?
A Artesanía Alimentaria é un selo oficial da Xunta de Galicia que recoñece os alimentos elaborados mediante procesos artesanais, garantindo aos consumidores a autenticidade destes produtos.
Este selo permite identificar e diferenciar no mercado os produtos artesanais, poñendo en valor o traballo das pequenas empresas alimentarias e reforzando a identidade gastronómica do territorio.
Que produtos poden formar parte?
Moitos sectores alimentarios xa contan con normas técnicas aprobadas (27 en total), entre eles:
- queixos
- pan e produtos de panadaría
- produtos de repostería
- conservas vexetais
- embutidos e outros derivados cárnicos
- cervexa
- licores e bebidas espirituosas
- conservas de peixe e marisco
- mel
- aceite
- zumes
- iogures, xeados, etc.
Se elaboras produtos artesanais nun destes sectores, é posible que poidas acceder ao selo.
Que vantaxes ten inscribirse?
As empresas inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria poden:
✔ Utilizar o distintivo oficial de Artesanía Alimentaria de Galicia nos seus produtos.
✔ Diferenciar os seus produtos no mercado como elaboracións artesanais recoñecidas oficialmente, utilizando o seguinte logotipo:
✔ Participar en accións de promoción e difusión impulsadas pola Xunta de Galicia.
✔ Reforzar a confianza dos consumidores nos seus produtos.
Como podes inscribirte?
A condición de artesá ou artesán e a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia acádase mediante senllas declaracións responsables, que deben presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Procedementos:
MR 400A Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.
MR400B Inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria
Importante: uso do termo “artesán”
Segundo a normativa galega, as mencións:
“artesán”, “artesanal”, “artesán da casa”, “artesán caseiro”, “artesán de montaña” ou expresións similares só poden empregarse na etiquetaxe, presentación ou publicidade dos alimentos cando a empresa estea inscrita no Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia.
Esta regulación ten como finalidade garantir unha información veraz aos consumidores e protexer aos produtores que elaboran produtos realmente artesanais.
Enlace: https://agacal.xunta.gal/gl/calidade-alimentaria/artesania-alimentaria
Para calquera aclaración ou información adicional, os interesados poden dirixirse á Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través do correo electrónico: artesaniaalimentaria.agacal@xunta.gal