MercaNaVila permitiralle á cidadanía obter ata 100 euros en descontos para mercar nos establecementos dos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes.
A primeira edición do programa mobilizou máis de 16 millóns de euros en vendas e preto de 300.000 operacións comerciais.
A Deputación da Coruña destina este ano 5 millóns de euros á nova edición de MercaNaVila, o programa de apoio ao comercio local dos pequenos concellos da provincia, impulsado en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
A campaña permitirá que cada persoa maior de idade dispoña dun bono descargable de 100 euros en descontos para realizar compras nos establecementos adheridos dos concellos de menos de 20.000 habitantes entre o 20 de outubro e o 20 de novembro.
A través do programa MercaNaVila, as persoas maiores de 18 anos poderán beneficiarse de descontos acumulables de ata 100 euros. As bonificacións aplicaranse directamente no momento da compra, con descontos de entre 10 e 30 euros, en función do importe do tícket.
Os bonos poderán ser utilizados por calquera persoa, independentemente do seu concello de residencia, sempre que realice a compra nun dos establecementos adheridos situados nos municipios participantes. Desta maneira, a Deputación busca tamén atraer consumo cara ás pequenas vilas e incrementar o volume de negocio do seu tecido comercial.
O prazo para que os comercios se adhiran ao programa estará aberto entre o 6 e o 20 de outubro.
A cidadanía poderá descargar os bonos a partir do 20 de outubro e utilizalos desde esa mesma data ata o 20 de novembro de 2026, ou ata que se esgote o orzamento dispoñible de 5 millóns de euros.
A campaña desenvolverase nos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, reforzando así o papel da Deputación como administración de apoio aos municipios pequenos e ao seu tecido económico local.
Enlace para os comercios: https://mercanavila.gal/gl/merchant
Enlace para clientes: https://mercanavila.gal/gl/client