PROXECTO ARTESANÍA ALIMENTARIA AGACAL

29 Abr 2026 | Campañas

Elaboras alimentos artesanais?

  • Poderías formar parte da Artesanía Alimentaria de Galicia

Se respondes SI a varias destas preguntas, probablemente o teu produto poida formar parte da Artesanía Alimentaria de Galicia:

✔ Elaboras os teus produtos nun obradoiro propio ou pequena empresa.

✔ Utilizas materias primas de calidade e procesos tradicionais.

✔ Controlas directamente a elaboración e coidas cada fase do proceso.

✔ O teu produto ten identidade propia e vínculo co territorio.

Se é así, pode que cumpras os requisitos para formar parte deste selo oficial.

 Que é a Artesanía Alimentaria?

A Artesanía Alimentaria é un selo oficial da Xunta de Galicia que recoñece os alimentos elaborados mediante procesos artesanais, garantindo aos consumidores a autenticidade destes produtos.

Este selo permite identificar e diferenciar no mercado os produtos artesanais, poñendo en valor o traballo das pequenas empresas alimentarias e reforzando a identidade gastronómica do territorio.

Que produtos poden formar parte?

Moitos sectores alimentarios xa contan con normas técnicas aprobadas  (27 en total), entre eles:

  • queixos
  • pan e produtos de panadaría
  • produtos de repostería
  • conservas vexetais
  • embutidos e outros derivados cárnicos
  • cervexa
  • licores e bebidas espirituosas
  • conservas de peixe e marisco
  • mel
  • aceite
  • zumes
  • iogures, xeados, etc.

Se elaboras produtos artesanais nun destes sectores, é posible que poidas acceder ao selo.

Que vantaxes ten inscribirse?

As empresas inscritas no Rexistro da Artesanía Alimentaria poden:

Utilizar o distintivo oficial de Artesanía Alimentaria de Galicia nos seus produtos.

✔ Diferenciar os seus produtos no mercado como elaboracións artesanais recoñecidas oficialmente, utilizando o seguinte logotipo:

✔ Participar en accións de promoción e difusión impulsadas pola Xunta de Galicia.

✔ Reforzar a confianza dos consumidores nos seus produtos.

 Como podes inscribirte?

A condición de artesá ou artesán e a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia acádase mediante senllas declaracións responsables, que deben presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Procedementos:

MR 400A Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.

MR400B Inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria

Importante: uso do termo “artesán”

Segundo a normativa galega, as mencións:

“artesán”, “artesanal”, “artesán da casa”, “artesán caseiro”, “artesán de montaña” ou expresións similares só poden empregarse na etiquetaxe, presentación ou publicidade dos alimentos cando a empresa estea inscrita no Rexistro da Artesanía Alimentaria de Galicia.

Esta regulación ten como finalidade garantir unha información veraz aos consumidores e protexer aos produtores que elaboran produtos realmente artesanais.

Enlace: https://agacal.xunta.gal/gl/calidade-alimentaria/artesania-alimentaria

Para calquera aclaración ou información adicional, os interesados poden dirixirse á Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través do correo electrónico: artesaniaalimentaria.agacal@xunta.gal